Josemi Carmona, guitarrista brillante e fillo do mestre Pepe Habichuela, é un absoluto punto de referencia na fusión das músicas do mundo. A súa figura en Ketama, aos que se uniu con só 14 anos, foi imprescindible, colaborando paralelamente nos discos de artistas tan relevantes como Paco de Lucía ou Alejandro Sanz. Tras vinte anos con Ketama, iniciou a súa carreira en solitario, fusionando o flamenco co jazz, a bossa nova ou a salsa, atopando unha linguaxe única.
O frautista e saxofonista Jorge Pardo é pioneiro na fusión entre o jazz e o flamenco. Tocou durante anos con grandes referentes como Paco de Lucía ou Camarón, gravando discos tan relevantes como “La Leyenda del Tiempo”, co que se marcou para sempre a historia da música. Compañeiro de xiras de Chick Corea, de Tino di Geraldo ou de Carles Benavent, non se entende sen el a fusión do jazz, e por iso foi galardoado con premios de tanto prestixio como o Premio Nacional de las Músicas Actuales outorgado polo Ministerio de Educación e Cultura (2015) ou o de Mellor Músico Europeo de Jazz por parte da Academia Francesa de Jazz (2013).
De xira continua cos seus propios proxectos, non é sinxelo ver a Josemi Carmona e Jorge Pardo actuando a dúo. O seu concerto en Freixeiro é un agasallo para o Jazz de Ría, unha oportunidade case única de disfrutar de dous dos máis grandes referentes da música española nun formato íntimo, honesto e cheo de amizade. Neste concerto contarán coa colaboración do percusionista galego Moisés Fernández.