A súa máxica voz converteuna axiña nunha das revelacións da nova canción galega. O seu álbum debut, “Carta Aberta”, co que xirou por toda España e Portugal, levouna en moi pouco tempo a ser embaixadora de Spotify EQUAL e a presentarse en escenarios tan destacados como o do Jazzaldia (Donostia) ou o do Visa for Music (Marrocos). O seu rexistro móvese entre o jazz, o pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, sendo a súa proposta unha viaxe entre estilos perfectamente guiada. Acompañada de guitarra clásica, completan o cuarteto Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco ás percusións e Yudit Almeida ao contrabaixo.