PRAZAS ESGOTADAS
Con esta proposta queremos homenaxear o clásico Ornithology de Charlie Parker e Benny Harris favorecendo unha escoita activa dos cantos dos paxaros e convocando a dúas das personalidades galegas máis relevantes nos seus ámbitos: o narrador Quico Cadaval e o saxofonista de jazz Pablo Castaño.
Partindo dun dos standard de jazz máis populares e tocados até o día de hoxe, Quico Cadaval dá forma a un relato libre no que transparenta vivencias e curiosidades da vida, mito e personalidade sonora de Bird, sobrenome de Parker, á vez que as coloca en diálogo coa historia musical local. Pablo Castaño completa as progresións de Cadaval co seu saxo alto, reinterpretando pasaxes musicais tanto de Ornithology como doutros clásicos do Bebop; en suma, moldean unha experiencia na que se suceden a improvisación oral e musical con aderezos humorísticos, poéticos, irónicos e virtuosísticos.
Esta particular celebración da música de Charlie Parker e tamén da fermosa contorna natural do festival, comezará da man da Sociedade Galega de Historia Natural, que guiará un roteiro ornitolóxico co que redescubrir o Río Belelle a través do canto dos paxaros.