
Trilitrate presenta “Está de Grelo” no Jazz de Ría 2025
O trío galego Trilitrate chega ao Jazz de Ría cunha proposta tan sorprendente como inclasificable. Presentan o seu último traballo discográfico, Está de Grelo, unha viaxe sonora que traspasa fronteiras estilísticas e xeográficas para construír un universo musical propio, desbordante de beleza, risco e orixinalidade.
Neste novo disco, editado polos selos Ropeadope (EE.UU.) e Gandula (Barcelona), Trilitrate convoca ao oínte a unha peregrinaxe sonora a través dun cosmos imaxinario onde conflúen o folk otomán, celta, romanés ou africano, a música barroca e impresionista, o neoclasicismo e mesmo ecos de electrónica ou black metal. Todo isto sen abandonar as ferramentas acústicas nin o compromiso coa súa identidade artística.
A formación, composta por Elena Vázquez (violín), Rubén Abad (guitarra e voz) e Marcos Padrón (acordeón), desdebuxa as liñas entre tradición e vangarda, entre o jazz, a música contemporánea, o clásico, o hardcore ou a música étnica. As súas composicións propias son auténticas odiseas musicais que convidan á escoita activa e á sorpresa constante.
O concerto terá lugar na Ribeira de San Nicolás, en Neda, un espazo simbólico que encaixa á perfección coa proposta libre e orgánica de Trilitrate. Un espectáculo que, como o seu título indica, Está de Grelo!