
Xan Campos presenta “Amorodios” no Jazz de Ría
Xan Campos é unha das voces máis singulares e recoñecidas do jazz ibérico contemporáneo. Natural de Cangas (1987), a súa formación musical levouno por conservatorios de Alemaña, Países Baixos e Dinamarca, onde desenvolveu unha linguaxe propia que bebe do jazz europeo máis aberto e da constante exploración sonora. Con cinco discos como líder e máis de trinta como sideman, Campos ten participado en festivais de referencia por toda Europa e América Latina, colaborando con figuras destacadas do jazz internacional.
A súa música caracterízase pola experimentación rítmica, harmonías expresivas e unha mestura de influencias que van desde a música electrónica ata o impresionismo, sempre cunha clara vontade de fuxir do convencional.
No Jazz de Ría presenta o seu proxecto máis recente: “Amorodios”, un traballo que marca un punto de inflexión na súa traxectoria. Sen renunciar á súa identidade musical, Campos abre unha nova vía sonora coa incorporación da voz e da palabra como elementos centrais. A cantante Faia Díaz, profundamente conectada coa tradición oral galega, achega unha forza e unha verdade que transforman a música e a volven raíz.
Completan o cuarteto dous nomes imprescindibles do jazz galego: o batería Iago Fernández, recoñecido pola súa expresividade e versatilidade, e o guitarrista e baixista Virxilio Da Silva, que aporta unha riqueza tímbrica con ecos do rock.
“Amorodios” é unha catarse e unha síntese. Unha proposta viva, honesta e sen artificios, que conxuga mundos distintos para contar algo novo. Un encontro entre tradición e vangarda, entre emoción e risco, que promete ser un dos momentos máis intensos do festival.