ELIMINAMOS AO 100% O PLÁSTICO DUN SÓ USO. No Jazz de Ría empregamos sempre as billas de auga da traída, evitando por completo as botelliñas de auga. No Parque Freixeiro instálanse algunhas billas das tomas municipais expresamente para os días do festival, para que tanto o público como os artistas poidan encher as súas botellas. Para os artistas e todo o persoal, fanse botellas reutilizables.
Prácticamente todo o que se sirve nas barras ven en envases retornables. Todo o que inevitablemente é dun só uso, é de vidro, fácil de separar e reciclar.
OPERACIÓN ECOVASO. Con esta campaña en RRSS animamos ao público a levar o seu propio ecovaso, reutilizando e dándolle outra vida aos que temos na casa doutros festivais. Para os que non leven o seu ecovaso, temos nas barras vasos de cartón reciclado e 100% reciclables.
KILÓMETRO 0. Procuramos que todo o que se sirve no catering para os artistas sexa de comercio local e distribuído ou/e cociñado por empresas da zona. Nada do que ofrecemos ven en plástico e todos os materiais dun só uso son compostables ou de cartón.
RECICLAMOS. Para a xestión dos residuos, temos un acordo con Ecoembes, que coloca nos recintos papeleiras de diferentes cores ben indicadas para separar correctamente o lixo.
e REUTILIZAMOS. Desde o primeiro ano de festival, procuramos que todos os materiais promocionais como bandeiras, lonas ou roll ups sexan xenéricos, para poder reutilizar todo o máximo posible dun ano para outro.
TAMÉN COIDAMOS O ENTORNO, integrando totalmente o festival no lugar que nos rodea, sen invadir, fomentando a PARTICIPACIÓN VECIÑAL, deixando sempre pegada emocional e nunca ambiental. Poñendo en valor os espazos naturais que acollen o Jazz de Ría, facendo roteiros e involucrando ás asociacións ecoloxistas. Promovendo que a xente vaia aos concertos en bici ou camiñando, indicando as rutas e animando a que haxa grupos.
MEMORIA E PATRIMONIO. As catro primeiras edicións do festival, celebradas en Ferrol e Mugardos, xiraron en torno ao patrimonio naval e industrial da Ría, RECUPERANDO ESPAZOS que ata ese momento non eran utilizados para a música ao vivo, como o Castelo de San Felipe.
A MEMORIA DO SALÓN DA RIBEIRA. Desde o Jazz de Ría tamén impulsamos a recuperación da memoria do antigo Salón de Baile da Ribeira de San Nicolás a través da gravación de varias entrevistas ás veciñas maiores que aínda lembran estas historias.
UN FESTIVAL PARA TODAS AS PERSOAS. Todos as localizacións dos concertos son amables, cómodas e seguras para todo tipo de persoas en canto a accesos, volume, luz, visibilidade e mobilidade.
Un exemplo é a colaboración co campamento de verán para persoas con diversidade funcional, para as que reservamos en cada concerto de Narón unha parte do aforo nun lugar axeitado ás súas necesidades.
e EN IGUALDADE. Conscientes da enorme descompensación de xénero no jazz, cada ano procuramos a igualdade e a diversidade enriba dos escenarios, facilitando tamén un espazo para a reivindicación e a construción colectiva en cada concerto.
Embaixo do escenario, a maioría dos postos están liderados por mulleres, como a dirección artística, a dirección técnica, a comunicación ou o deseño.